Saltar ao contido

Gonadotropina coriónica humana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Subunidade beta da gonadotropina coriónica humana.

A gonadotropina coriónica humana ou hCG é unha hormona glicoproteica producida durante o embarazo polo embrión en desenvolvemento despois da fecundación e posteriormente polo sincitiotrofoblasto (parte da placenta).[1][2] A hCG tamén é producida na hipófise ou pituitaria de homes e mulleres de todas as idades.[1][3]

Estrutura

[editar | editar a fonte]

A gonadotropina coriónica humana é unha glicoproteína composta por 244 aminoácidos cunha masa molecular de 26,7 kDa.[4] É un heterodímero formado por unha subunidade proteica α (alfa) idéntica á da hormona luteinizante (LH), hormona estimulante dos folículos (FSH), tirotropina (TSH), e unha subunidade β (beta) que é exclusiva da hCG.

As dúas subunidades crean un pequeno núcleo hidrofóbico rodeado por unha alta razón de superficie/volume: 2,8 veces a dunha esfera. A maioría dos aminoácidos exteriores son hidrofílicos.[4]

Funcións

[editar | editar a fonte]

A gonadotropina coriónica humana é unha gonadotropina que interacciona co receptor LHCG (receptor da hormona luteinizante/coriogonadotropina) e promove o mantemento do corpo lúteo durante o inicio do embarazo, causando que este segregue a hormona proxesterona. A proxesterona favorece que o útero adquira un endometrio groso con moitos vasos sanguíneos e capilares de modo que este poida soster o crecemento do feto. Debido á súa carga altamente negativa, a hCG podería repeler as células do sistema inmunitario da nai, protexendo así ao feto durante o primeiro trimestre. Tamén se propuxo a hipótese de que a hCG podería ser un enlace placentario para o desenvolvemento da inmunotolerancia materna local. Por exemplo, as células endometriais tratadas con hCG inducen un incremento na apoptose das células T (unha disolución das células T). Estes resultados suxiren que a hCG podería servir de enlace no desenvolvemento da tolerancia inmunolóxica peritrofoblastica, e podería facilitar a invasión do trofoblasto, que é coñecido por acelerar o desenvolvemento do feto no endometrio.[5] Tamén se suxeriu que os niveis de hCG están vinculados coa gravidade das náuseas do embarazo en mulleres preñadas.[6]

Debido á súa semellanza coa LH, a hCG tamén pode ser usada clinicamente para inducir a ovulación nos ovarios como tamén a produción de testosterona nos testículos. Debido a que as mulleres embarazadas son a fonte biolóxica máis abondosa de hCG, algunhas organizacións recollen a urina de mulleres embarazadas para extraer a hCH para o seu uso en tratamentos de fertilidade.[7]

A gonadotropina coriónica humana tamén xoga un papel na diferenciación celular/proliferación e podería activar a apoptose.[8]

Produción

[editar | editar a fonte]

Igual que outras gonadotropinas, a hCG pode obterse da súa extracción da urina ou por modificación xenética. Os produtos Pregnyl, Follutein, Profasi, Choragon e Novarel utilizan o método anterior, derivado da urina de mulleres preñadas. O Ovidrel é un produto obtido usando a tecnoloxía ADN recombinante. A hCG é producida no corpo humano nas células do sincitiotrofoblasto.

Os niveis de hCG poden medirse no sangue ou na urina. Isto faise comunmente nas probas de embarazo, coa intención de indicar a presenza ou ausencia dun embrión implantado. Tamén se poden facer probas de hCG cando se diagnostican ou monitorean tumores de células xerminais e a enfermidade trofoblástica xestacional.

A maioría das probas empregan un anticorpo monoclonal, que é específico da subunidade β da hCG (β-hCG). Este procedemento emprégase para asegurar que as probas dean falsos positivos ao confundir a hCG coa LH e FSH (as dúas últimas están sempre presentes no corpo, entanto que a presenza da hCG case sempre indica un embarazo).

  • A análise de urina pode facerse por inmunoensaio cromatográfico ou calquera de varios outros métodos de análise.[9] Os límites de detección publicados van desde 20 a 100 mIU/ml, dependendo da marca da proba.[10] A principios do embarazo, poden obterse resultados máis precisos ao usar a primeira urina da mañá (cando os niveis de hCG son os máis altos). Cando a urina está diluída (gravidade específica menor de 1,015), as concentracións de hCG poderían non ser representativas das concentracións en sangue, e a proba podería dar un falso negativo.
  • A análise sérica utiliza 2-4 mL de sangue venoso, e é tipicamente un inmunoensaio quimioluminiscente ou fluorimétrico [9] que pode detectar niveis de β-hCG de só 5 mIU/ml e permite a cuantificación da concentración de β-hCG. A posibilidade de cuantificar os niveis de β-hCG é útil no monitoreo de células xerminais e tumores trofoblásticos, seguimento despois dun aborto involuntario, e no diagnostico e seguimento despois do tratamento dun embarazo ectópico. A falta dun feto visible nunha ecografía vaxinal despois de que os niveis de β-hCG chegaran a 1500 mIU/ml é un forte indicador dun embarazo ectópico.

Como as probas de embarazo, as probas cuantitativas de sangue e as máis sensibles probas de urina usualmente detectan a hCG entre 6 a 12 días despois da ovulación.[11] Porén, tense que tomar en conta que os niveis totais de hCG poderían variar amplamente durante as primeiras 4 semanas de xestación, o que pode dar lugar a resultados falsos durante este período de tempo.[12]

As enfermidades trofoblásticas xestacionales como as molas hidatiformes ("embarazo molar") ou coriocarcinomas poden producir altos niveis de β-hCG (debido á presenza de sincitiotrofoblastos, parte das pilosidades que compoñen a placenta) malia a ausencia dun embrión. Isto, igual que outras condicións, pode levar a resultados elevados de hCG en ausencia de embarazo.

Os niveis de hCG son tamén un compoñente da proba tripla, unha proba de detección de certas anomalías cromosómicas do feto/defectos de nacemento.

Niveis de referencia

[editar | editar a fonte]

A seguinte é unha lista dos niveis séricos de hCG. (UPM significa último período menstrual). Os niveis crecen de forma expoñencial despois da concepción e implantación.

semanas desde o UPM mIU/mL
3 5 – 50
4 5 – 426
5 18 – 7,340
6 1,080 – 56,500
7 – 8 7,650 – 229,000
9 – 12 25,700 – 288,000
13 – 16 13,300 – 254,000
17 – 24 4,060 – 165,400
25 – 40 3,640 – 117,000
Mulleres non embarazadas <5.0
Mulleres posmenopáusicas <9.5

Aplicacións

[editar | editar a fonte]

Marcador tumoral

[editar | editar a fonte]

A gonadotropina coriónica humana pode ser usada como un marcador tumoral, xa que a súa subunidade β é secretada por algúns cánceres incluíndo, o seminoma, coriocarcinoma, tumores de células xerminais, a formación de molas hidatiformes, teratoma con elementos de coriocarcinoma, e tumor de células dos illotes de Langerhans. Por esta razón, un resultado positivo en homes podería ser un sinal de cáncer testicular. O rango normal para un home é 0-5 MIU/ml.

Fertilidade

[editar | editar a fonte]

A gonadotropina coriónica humana utilízase moito por vía parenteral como un indutor da ovulación en vez da hormona luteinizante (LH). En presenza dun ou máis folículos ováricos maduros, a ovulación pode ser provocada por medio da administración de hCG. Como a ovulación ocorre entre 38 e 40 horas despois dunha soa inxección de hCG,[13] pódense programar algúns procedementos para tomar vantaxe deste período de tempo,[14] tal como a inseminación artificial ou relacións sexuais. Tamén, as pacientes nas que se fai un tratamento de fecundación in vitro (FIV), en xeral, adminístraselles hCG para provocar o proceso de ovulación, pero realízase unha extracción de ovocitos arredor de 34 a 36 horas despois da inxección, unhas horas antes de que os óvulos sexan liberados polo ovario.

Como a hCG mantén o corpo lúteo, a administración de hCG é usada en certas circunstancias para incrementar a produción de proxesterona.

Nos homes, as inxeccións de hCG son usadas para estimular as células de Leydig para que sinteticen testosterona. A testosterona intratesticular é necesaria para a espermatoxénese das células de Sertoli. A hCG úsase tipicamente en homes con hipogonadismo e en tratamentos de fertilidade.

Durante os primeiros meses de embarazo, a transmisión do virus da inmunodeficiencia humana-1 da nai ao feto é extremadamente rara. Suxeriuse que isto é debido ás altas concentracións de hCG, e que a subunidade beta desta proteína é activa contra o VIH-1.[15]

Perda de peso

[editar | editar a fonte]

O uso polémico da hCG forma parte da dieta ultra-baixa en calorías (menos de 500 calorías) do endocrinólogo británico Albert T. W. Simeons. Simeons, mentres estudaba mulleres embarazadas na India con dietas deficientes en calorías, e "nenos gordos" con problemas hipofisarios (síndrome de Frölich), tratados con doses baixas de hCG, afirmou que ambos os grupos estudados perderon graxa en vez de tecido magro (masa muscular). Simeons pensou que a hCG debía estar programando o hipotálamo para facer isto coa fin de protexer ao feto en desenvolvemento ao fomentar a mobilización e consumo de tecidos adiposos anormais, e excesivos. Simeons, no Hospital Internacional Salvator Mundi de Roma, Italia, recomendaba inxeccións diarias de doses baixas de hCG (125 UI) en combinación cunha dieta personalizada ultra baixa en calorías (500cal/día, alta en proteínas, baixa en carbohidratos/graxas) para perder tecido graxo sen perda de tecido magro. Despois da morte de Simeons, a dieta comezou a estenderse a centros especializados e divulgouse e popularizouse.

A controversia empezou a partir das advertencias do Journal of the American Medical Association (Revista da Asociación Médica Americana) e a American Journal of Clinical Nutrition (Revista Americana de Nutrición Clínica) [16] de que a hCG non é segura nin eficaz para baixar de peso.[17] Porén, estudos recentes no Journal of Clinical Endocrinology and Metabolism (Revista de Endocrinología Clínica e Metabolismo) indican que a hCG pode ter efectos na masa magra en homes de idade avanzada con deficiencia androxénica.[18]

Unha metaanálise encontrou que os estudos que apoian que a hCG é un axente redutor de peso eran de mala calidade metodolóxica e concluíu que "non hai evidencia científica de que a hCG sexa eficaz no tratamento da obesidade; non fai perder peso nin redistribúe a graxa, nin tampouco reduce a fame ou induce unha sensación de benestar".[19]

Uso homeopático ineficaz da hCG para o control de peso

[editar | editar a fonte]

A controversia e a falta de dispoñibilidade de [20] hCG inxectable para a perda de peso levou a unha importante promoción en Internet do que denominaron "hCG homeopática" para o control de peso. Os ingredientes destes produtos a miúdo non están ben definidos, pero se se preparan a partir de verdadeira hCG polo método tradicional homeopático de sucesivas dilucións, os produtos acaban por non conter hCG en absoluto ou só trazas (debido ao número de Avogadro).

A FDA dos Estados Unidos declarou que este medicamento é fraudulento e ineficaz para a perda de peso. Tampouco é un medicamento protexido como homeopático e foi considerado unha substancia ilegal.[21][22]

De acordo cos estudos indicados anteriormente, a perda de peso nos individuos que seguen a "dieta hCG" pode ser atribuída enteiramente ao feito de que tales dietas prescriben un consumo de 500 a 550 calorías por día, ou aproximadamente un cuarto do que comunmente se acepta como o valor diario recomendado para un home adulto de tamaño e actividade de media. Ademais, os estudos de dobre cego non encontraron ningunha diminución no apetito dos participantes que tomaban hCG en comparación cos individuos que tomaban placebos, e non ofrecen evidencia algunha de que as persoas que toman hCG sexan máis propensas a perderen graxa en vez de tecido magro. Estudos a longo prazo de dietas menos radicais, tales como unha de 1.100 calorías en vez dunha de 500 (como a hCG), suxire que as persoas coa dieta hCG non desenvolven os hábitos alimenticios necesarios e aumentan de peso máis rapidamente ca as persoas cunha dieta a máis longo prazo unha vez que a dieta remata.

Advertencias sobre o Pregnyl HCG

[editar | editar a fonte]

As pacientes que desexan ser tratadas con Pregnyl HCG deben ter en conta o seguinte:[23]
a) Dado que as pacientes infértiles que se someten a técnicas de reprodución asistida (especialmente as que precisan fecundación in vitro), poden presentar con frecuencia anomalías tubáricas, pode ocorrer que despois do tratamento con este medicamento teñan máis embarazos ectópicos. Por esta razón é crucial unha confirmación temperá ecográfica ao inicio dun embarazo (para ver se o embarazo é intrauterino ou non). Os embarazos que se produciron despois do tratamento con este medicamento están sometidos a un maior risco de multipletes. As pacientes que teñen trombose, obesidade grave ou trombofilia non se lles debe prescribir este medicamento, xa que teñen un maior risco de eventos tromboembólicos venosos ou arteriais durante ou despois dun tratamento con Pregnyl HCG.
b) As pacientes que foron tratadas con este medicamento adoitan ser máis propensas a abortos espontáneos.

Nos pacientes masculinos un tratamento prolongado con Pregnyl HCG pode orixinar unha maior produción de andróxenos. Os pacientes que sufran de insuficiencia cardíaca evidente ou latente, hipertensión, disfunción renal, migrañas ou epilepsia non deben recibir tratamento con este medicamento ou debería prescribírselles unha dose máis baixa de Pregnyl HCG. Ademais, este medicamento debe usarse con cautela extrema no caso de adolescentes prepúberes coa fin de reducir o risco dun desenvolvemento sexual precoz ou un peche prematuro das epífises dos ósos. A maduración esquelética deste tipo de pacientes debería ser monitoreada estreitamente.

Tanto os pacientes homes coma mulleres non deben comezar un tratamento con Pregnyl HCG se é que teñen as seguintes condicións médicas:
1) Hipersensibilidade a este medicamento ou a calquera dos seus ingredientes principais.
2) Posibles tumores dependentes de andróxenos, como por exemplo, o carcinoma de mama masculino ou o carcinoma prostático.

Adxuvante de esteroides anabólicos

[editar | editar a fonte]

Entre os medicamentos adxuvantes que melloran o rendemento, a hCG é cada vez máis utilizada en combinación con varios ciclos de esteroides anabólicos androxénicos. En consecuencia, a hCG foi incluída nas listas de medicamentos ilegais dalgúns deportes por considerarse dopaxe.

Cando se introducen esteroides exóxenos no corpo masculino, a retroalimentación negativa causa que o corpo deteña a súa propia produción de testosterona debido á inhibidción do eixe hipotalámico-hipofisario-gonadal. Isto a longo prazo podería causar atrofia testicular, entre outras cousas. A hCG é comunmente usada durante e despois dun ciclo de esteroides para manter e recuperar o tamaño testicular e tamén a produción natural de testosterona.[24]

Os niveis altos de esteroides anabolicos androxénicos, que imitan a testosterona natural do corpo, provocan que o hipotálamo pare a súa produción de hormona liberadora da gonadotropina (GnRH). Sen GnRH, a hipófise deixa de liberar hormona luteinizante (LH). A LH normalmente viaxa desde a hipófise a través da corrente sanguínea ata os testículos, onde provoca a produción e liberación de testosterona. Sen LH, os testículos deteñen a súa produción de testosterona.[25] Nos homes, a hCG axuda a recuperar e manter a produción de testosterona nos testículos ao imitar á LH, provocando a produción e liberación de testosterona.

Se a hCG se utiliza durante demasiado tempo e a unha dose demasiado alta, o conseguinte aumento de testosterona natural finalmente inhibirá a súa propia produción por medio da retroalimentación negativa no hipotálamo e hipófise.

Como o uso da hCG no deporte se considera dopaxe, varios atletas foron suspendidos estes últimos anos por usar esta substancia.[26][27]

  1. 1,0 1,1 Cole LA (2009). "New discoveries on the biology and detection of human chorionic gonadotropin". Reprod. Biol. Endocrinol. 7: 8. PMC 2649930. PMID 19171054. doi:10.1186/1477-7827-7-8. 
  2. Gregory JJ, Finlay JL (1999). "Alpha-fetoprotein and beta-human chorionic gonadotropin: their clinical significance as tumour markers". Drugs 57 (4): 463–7. PMID 10235686. 
  3. Hoermann R, Spoettl G, Moncayo R, Mann K (1990). "Evidence for the presence of human chorionic gonadotropin (hCG) and free beta-subunit of hCG in the human pituitary". J. Clin. Endocrinol. Metab. 71 (1): 179–86. PMID 1695224. doi:10.1210/jcem-71-1-179. 
  4. 4,0 4,1 ; Lapthorn AJ, Harris DC, Littlejohn A, Lustbader JW, Canfield RE, Machin KJ, Morgan FJ, Isaacs NW (1994). "Crystal structure of human chorionic gonadotropin". Nature 369 (6480): 455–61. PMID 8202136. doi:10.1038/369455a0. 
  5. Kayisli U, Selam B, Guzeloglu-Kayisli O, Demir R, Arici A (2003). "Human chorionic gonadotropin contributes to maternal immunotolerance and endometrial apoptosis by regulating Fas-Fas ligand system". J. Immunol. 171 (5): 2305–13. PMID 12928375. 
  6. Askling J, Erlandsson G, Kaijser M, Akre O, Ekbom A (1999). "Sickness in pregnancy and sex of child". Lancet 354 (9195): 2053. PMID 10636378. doi:10.1016/S0140-6736(99)04239-7. 
  7. Moedersvoormoeders.nl - a Dutch organization that collects urine from pregnant women to extract hCG.
  8. Michels KB, Xue F, Colditz GA, Willett WC (2007). "Induced and spontaneous abortion and incidence of breast cancer among young women: a prospective cohort study". Arch. Intern. Med. 167 (8): 814–20. PMID 17452545. doi:10.1001/archinte.167.8.814. 
  9. 9,0 9,1 Richard A. McPherson, Matthew R. Pincus, (2006). Saunders, ed. Henry's Clinical Diagnosis and Management by Laboratory Methods (21st ed.). Philadelphia. ISBN 1-4160-0287-1. 
  10. Waddell, Rebecca Smith (2006). "FertilityPlus.org". Home Pregnancy Test hCG Levels and FAQ. Arquivado dende o orixinal o 15-06-2006. Consultado o 17-06-2006. 
  11. Wilcox AJ, Baird DD, Weinberg CR (1999). "Time of implantation of the conceptus and loss of pregnancy". New England Journal of Medicine 340 (23): 1796–1799. PMID 10362823. doi:10.1056/NEJM199906103402304. 
  12. Butler SA, Khanlian SA, Cole LA (2001). "Detection of early pregnancy forms of human chorionic gonadotropin by home pregnancy test devices". Clinical Chemistry 47 (12): 2131–2136. PMID 11719477. 
  13. HCG Injection After Ovulation Induction With Clomiphene Citrate at Medscape. By Peter Kovacs. Posted: 04/23/2004
  14. IVF.com Arquivado 26 de febreiro de 2012 en Wayback Machine.; Ovulation Induction. Consultado o 7 de marzo de 2010
  15. Lee-Huang S, Huang PL, Sun Y, Huang PL, Kung HF, Blithe DL, Chen HC (1999). "Lysozyme and RNases as anti-HIV components in beta-core preparations of human chorionic gonadotropin". Proc. Natl. Acad. Sci. U.S.A. 96 (6): 2678–81. PMC 15828. PMID 10077570. doi:10.1073/pnas.96.6.2678. Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 17 de febreiro de 2012. 
  16. Stein MR, Julis RE, Peck CC, Hinshaw W, Sawicki JE, Deller JJ (1976). "Ineffectiveness of human chorionic gonadotropin in weight reduction: a double-blind study" (PDF). Am. J. Clin. Nutr. 29 (9): 940–8. PMID 786001. Consultado o 2009-02-03. 
  17. Barrett S. "HCG Worthless as Weight-Loss Aid". Diet Scam Watch. dietscam.org. Arquivado dende o orixinal o 20-01-2009. Consultado o 03-02-2009. 
  18. Peter Y. Liu, Susan M. Wishart and David J. Handelsman (2002). "A Double-Blind, Placebo-Controlled, Randomized Clinical Trial of Recombinant Human Chorionic Gonadotropin on Muscle Strength and Physical Function and Activity in Older Men with Partial Age-Related Androgen Deficiency". The Journal of Clinical Endocrinology and Metabolism 87 (7): 3125–3135. PMID 12107212. doi:10.1210/jc.87.7.3125. Arquivado dende o orixinal o 09 de maio de 2011. Consultado o 2011-04-27. 
  19. Lijesen GK, Theeuwen I, Assendelft WJ, Van Der Wal G (1995). "The effect of human chorionic gonadotropin (HCG) in the treatment of obesity by means of the Simeons therapy: a criteria-based meta-analysis". Br J Clin Pharmacol 40 (3): 237–43. PMC 1365103. PMID 8527285. 
  20. "Chorionic Gonadotropin (Human) Injection Shortage". Bulletin. American Society of Health-System Pharmacists. 13-10-2010. Arquivado dende o orixinal o 08-11-2010. Consultado o 23-10-2010. 
  21. Phillips J (24-01-2011). "Weight Loss Drugs Dubbed Fraudulent and Illegal by FDA". Epoch Times. Arquivado dende o orixinal o 28-01-2011. Consultado o 03-02-2011 0. 
  22. Hellmich N (23-01-2011). "HCG weight-loss products are fraudulent, FDA says - USATODAY.com". USA Today. Consultado o 03-02-2011. 
  23. "HCG Pregnyl". 13-10-2010. Arquivado dende o orixinal o 25-03-2011. Consultado o 23-10-2010. 
  24. Lance Williams (8 de maio de 2009). "Manny Ramirez suspended; testosterone ratio exceeded limits; fertility drug reported". San Francisco Chronicle. 
  25. van Breda E, Keizer HA, Kuipers H, Wolffenbuttel BH (2003). "Androgenic anabolic steroid use and severe hypothalamic-pituitary dysfunction: a case study". Int J Sports Med 24 (3): 195–6. PMID 12740738. doi:10.1055/s-2003-39089. 
  26. Michael S. Schmidt (8 de maio de 2009). "Manny Ramirez Is Banned for 50 Games". The New York Times. 
  27. McClain J (12-05-2010). "Cushing suspended for performance-enhancing drugs". Houston Texans Football. Houston Chronicle. Consultado o 23-10-2010. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]